Friday 19 de April de 2024

Sánchez Bugallo acorda coa conselleira de Infraestruturas traballar conxuntamente para ter adoptada antes do verán unha decisión sobre a construción do novo aparcadoiro do CHUS


Máis de hora e media durou a reunión na consellería de Infraestruturas do alcalde coa propia conselleira, Ethel Vázquez, na que se tratou de desbloquear a construción dun aparcadoiro que de resposta ás necesidades do Hospital Clínico ante a súa inminente ampliación: “atopamos unha actitude positiva, construtiva e receptiva tanto coa proposta municipal como con outra alternativa que se puxo sobre a mesa por parte da consellería” explicou o alcalde ao remate do encontro.

Na xuntanza participaron tamén, por parte do Concello, o concelleiro de Tráfico, Gonzalo Muíños e a de Urbanismo, Mercedes Rosón. Por parte da consellería, o director xeral de Obras Públicas e diferentes responsables do Sergas. Nela abordáronse cuestións relacionadas coa conectividade do CHUS, os accesos ao hospital e, sobre todo, o aparcadoiro.

“Por parte da consellería se nos informou de que no día de hoxe se acaba de contratar a realización do estudo de mobilidade” avanzou o alcalde. Un estudo que se desenvolverá ao longo dos próximos 4 meses e que porá o foco precisamente “na integración urbana do complexo, a accesibilidade ao mesmo e o aparcadoiro”.

Ademais, “acordamos que o equipo redactor do estudo de mobilidade se coordine co equipo que está a desenvolver o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) que está a elaborar o Concello” destacou o alcalde.

300 prazas menos coa ampliación

Esta mesma semana quedarán adxudicadas tamén as obras de ampliación do CHUS que, “previsiblemente comezarán no mes de maio e se prolongarán durante catro anos” explicou o alcalde, que advertiu do recorte en materia de prazas de aparcadoiro que suporá esta obra “arredor de 300”.

Actualmente, segundo os datos cos que traballa o Concello, o Hospital Clínico conta con 1.462 prazas de aparcadoiro, ás que se lle sumarían as 404 situadas no aparcadoiro de titularidade municipal e outras 300 do aparcadoiro de Santa Marta: “a resposta que nos atopamos desde a consellería é que ningún outro hospital de Galicia ten esa oferta de prazas, polo que teremos que ver se o uso das mesmas é o máis idóneo” algo que tamén se abordará no estudo de mobilidade.

“Tamén se comprometeron desde a consellería a presentar unha proposta de ordenación da circulación e o estacionamento para o desenvolvemento das obras” explicou o alcalde que espera que, antes do verán “se poida tomar unha decisión, a máis viable e axeitada, para o funcionamento e accesibilidade do Hospital Clínico”.